Saturday 04 de May de 2024

O Concello de Ponteceso comeza a posta a punto das praias para darlles “un salto de calidade”, coas obras do aparcadoiro de Balarés xa en marcha


 Os traballos para dotar ao areal dun novo espazo de estacionamento para case 400 vehículos arrincaron onte, luns 22

 Entre outras actuacións, A Hermida e Balarés contarán con zonas de sombra para bebés, maiores e persoas con discapacidade, mentres que en Niñóns instalaranse baños e en O Osmo repoñerase a varanda de madeira

O Concello de Ponteceso comezou a posta a punto das súas praias para darlles “un salto de calidade”. Ese é o obxectivo do goberno local dirixido por José Manuel Mato, que busca mellorar o estado dos areais e ofrecer servizos de máis calidade aos usuarios e usuarias.

Máis aló dunha serie de planificacións estritamente municipais, onte arrincaron as obras do aparcadoiro de Balarés. Estes traballos desenvolvidos pola Deputación da Coruña cun investimento de case 400.000 euros, permitirán reordenar o tráfico na contorna da praia con 395 prazas de estacionamento, catro delas para persoas de mobilidade reducida.

Ademais, os viais que percorran esta parcela de 30.000 metros cadrados terán cinco metros de ancho e o acceso será de sete. Este proxecto axudará a garantir a seguridade peonil no acceso á praia e á zona de ocio e contará cunha senda de madeira de case 120 metros de longo. A obra ten un prazo de execución de seis meses, polo que será o próximo verán cando a veciñanza e os e as visitantes poidan desfrutar deste novo espazo completamente rematado.

Previamente, xa neste período estival, o Concello de Ponteceso planificou un conxunto de actuacións na Hermida, Niñóns, Balarés e O Osmo que xa comezaron e que continuarán ao longo das vindeiras semanas. Os primeiros traballos tiveron lugar nas contornas da Hermida e Niñóns, onde se optimizaron os accesos cunha limpeza a fondo. Precisamente en Niñóns tamén está prevista a instalación duns baños para dotar deste servizo ao único areal que non conta con instalacións deste tipo nas súas proximidades.
A maiores, nas vindeiras semanas, no Osmo instalarase unha nova varanda de madeira. As actuacións continuarán na Hermida e Balarés, onde o executivo municipal planificou a instalación de zonas de sombra -a través de toldos-, que poderán usar de xeito preferente as nais e pais con bebés, os e as maiores e as persoas con discapacidade. Tamén en Balarés proxectouse a colocación dunha caseta de vixilancia.

A todas estas iniciativas únese unha “limpeza profunda” das praias na que teñen unha especial transcendencia as Mariscadoras do Anllóns. De xeito periódico cada dúas semanas, a agrupación está a acumular o lixo que atopan nos areais para que, posteriormente, os servizos municipais o transporten co fin de depositalo nos puntos axeitados para a súa eliminación.

Deja un comentario